Wednesday 01 de May de 2024

Trenor destaca o éxito do proxecto Re-Mar de Amicos para a conservación da contorna mariña en colaboración cos pescadores , escolares, visitantes e veciños


Esta iniciativa desenvólvese xunto co Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia en condición de socio,

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, asistiu, esta mañá, ao acto de limpeza da praia Xardín en Boiro, organizado pola asociación Amicos, incluído dentro do proxecto RE-MAR de custodia ambiental para a redución de residuos no espazo mariño protexido das Rías Baixas de Galicia.

Este proxecto impulsado por esta entidade desenvólvese xunto co Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, en condición de socio.

O delegado da Xunta agradeceu o apoio económico e de persoal que se presta desde o Parque Nacional das Illas Atlánticas para que se poida levar a cabo esta iniciativa. Trenor destacou que o Parque aporta o 2% do orzamento. Ademais, dá apoio na organización de actividades, difusión e sensibilización.

Trenor sinalou que “RE-MAR é proxecto que se basea na colaboración entre os sectores pesqueiros e máis estreitamente ligados ao mar, a poboación local e os visitantes das illas atlánticas de Galicia e a súa área de influencia, todo elo liderado por persoas con discapacidade intelectual, na busca dun modelo de desenvolvemento endóxeno inclusivo baseado na conservación do entorno litoral e mariño”.

Para acadar este obxectivo, dentro do proxecto Amicos traballa en 5 liñas fundamentais. A primeira delas consiste na formación de guías ambientais dirixida a persoas con discapacidade intelectual para que adquiran as capacidades e coñecementos necesarios para liderar as actividades do proxecto. Tamén reciben formación en protocolos de prevención de xeración de residuos e en “Green Ships” os traballadores dos sectores marisqueiro e pesqueiro para contribuír a reducir os residuos resultantes da súa actividade.

O segundo eixe do proxecto consiste na limpeza de praias por parte dos guías ambientais apoiados por técnicos de AMICOS, tamén participan os pescadores a bordo dos seus buques, submarinistas limpando fondos, e a cidadanía, dentro da cal os escolares en particular xogan tamén un papel protagonista. O delegado da Xunta incidiu en que “a xornada de hoxe é un exemplo a seguir para protexer os nosos espazos mariños, especialmente nunha zona tan privilexiada como é o Parque das Illas Atlánticas e toda a súa contorna”, polo que felicitou aos representantes de Amicos polo seu traballo e animounos a seguir con programas deste tipo no futuro.

Ademais, creouse unha app dentro do proxecto, dispoñible para IOS e Android para o seguimento do mesmo. A cuarta das liñas céntrase na creación do selo de garantía Buque Azul, a través do cal, nun proceso participativo coas Confrarías de Pescadores de Cabo de Cruz, Aguiño, Rianxo e A Illa de Arousa, se definiron as boas prácticas en materia de xestión de residuos a bordo das pequenas embarcacións que se deberán cumprir para obter o selo Buque Azul nun proceso de auditoría. Este selo estase a difundir, en abril e maio, en mercados de abastos e superficies comerciais para intentar iniciar a súa implantación na cadea de subministro.

Finalmente, o proxecto tamén recolle a creación dun campus virtual para escolares con material educativo, tutoriais para realizar pequenas obras de artesanía ou xoguetes cos materiais atopados nas limpezas de praias e tamén un xogo do lixo mariño en versión dixital para xogar desde a casa.